O conselleiro de Sanidade destaca que nas enfermidades raras o sistema sanitario traballa para mellorar a calidade de vida deses pacientes
, por
Jesús Vázquez Almuiña recibiu con motivo do Día Mundial do Angioedema Hereditario arredor de 80 persoas que realizaron tres etapas do Camiño de Santiago
Santiago, 16 de maio de 2016.- O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que “coas enfermidades raras, dende o sistema sanitario traballamos cun único fin: o de mellorar a calidade de vida e reducir os obstáculos cos que se atopan os pacientes, presentes e futuros, das enfermidades raras no noso país”. Jesús Vázquez recibiu con motivo do Día Mundial do Anxioedema Hereditario afectados, familiares, coidadores e médicos que realizaron tres etapas do Camiño de Santiago. En total, 80 peregrinos de 14 países distintos que con esta iniciativa queren contribuír a concienciar á sociedade sobre esta enfermidade.
Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego explicou que o anxioedema hereditario é unha enfermidade pouco frecuente, englobada dentro das denominadas enfermidades raras. Trátase dunha doenza hereditaria provocada por diferentes alteracións xenéticas e que se manifesta por episodios periódicos de edema localizado en diferentes partes do corpo ou en mucosas do organismo.
O conselleiro de Sanidade destacou que a manifestación máis perigosa da enfermidade é a afectación das mucosas da larinxe que pode comprometer a vida da persoa provocando asfixia por obstrución da vía respiratoria.
Galicia conta cun programa para afrontar estes eventos a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que dende 2014 ten en marcha o Programa Alerta Anxioedema, en colaboración coa Sociedade Galega de Alerxia e Inmunoloxía Clínica. O principal obxectivo do programa é mellorar e axilizar a atención ás persoas diagnosticadas de anxioedema hereditario a través da coordinación dos diferentes niveis asistenciais, así como facilitar o acceso aos medios de atención urxente extrahospitalaria que xestiona Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Nenhum comentário:
Postar um comentário